O Plan de Hábitos Saudables medra no IES de Becerreá
Pequenos hábitos, grandes cambios
Coidar a alimentación, facer actividade física, descansar ben e sentirnos a
gusto no centro son aspectos que queremos traballar cada día no IES de
Becerreá. Con esa intención naceu o noso Plan de Hábitos Saudables, que
xa forma parte do Proxecto Educativo do Centro (PEC) e que neste curso
2026-2027 recibirá un novo impulso.
O curso pasado comezamos con actuacións próximas á vida cotiá do alumnado:
almorzos e merendas saudables, actividades sobre alimentación, proxectos
compartidos entre materias e froita fresca gratuíta nos recreos. Tamén se
tomaron medidas para reducir a oferta de produtos pouco saudables nas máquinas
expendedoras e se organizaron xornadas de actividade física. Queremos seguir
por este camiño, dando continuidade ao que funciona e incorporando propostas
que respondan ás necesidades e aos intereses do alumnado.
Este ano contaremos coa colaboración de Artai González Rodríguez,
profesor de Educación Física, para reforzar a presenza da actividade física
e deportiva no plan. As andainas, os xogos populares e as actividades
cooperativas son algunhas das propostas recollidas nel, que nos permitirán
aproveitar os espazos do centro e a nosa contorna natural. Buscamos que todo o
alumnado atope oportunidades para moverse, participar e gozar da actividade
física.
Desde a dirección queremos agradecer especialmente a Artai o seu
traballo, a súa implicación e o compromiso con este proxecto. A súa achega
axudaranos a ampliar as propostas e a darlles continuidade ao longo do curso.
Outra das novidades será a colaboración co Club de Ciencias, que nos
permitirá achegarnos aos hábitos saudables a través da investigación e da
experimentación. A alimentación e as rutinas diarias poden ser un bo punto de
partida para formular preguntas, contrastar información e comprender mellor
como nos coidamos. Esta colaboración tamén nos axudará a traballar de maneira
crítica as mensaxes sobre saúde que atopamos na publicidade, nas redes sociais
ou na nosa contorna.
O plan abrangue, ademais, o descanso, o benestar emocional, a
convivencia e o uso responsable das tecnoloxías. Nas titorías e coa
colaboración do Departamento de Orientación seguiremos traballando o respecto,
a autoestima e a importancia de pedir axuda cando a necesitamos. Tamén haberá
espazo para reflexionar sobre o sono e sobre o tempo que dedicamos ás pantallas,
ao estudo e ao lecer.
Todo isto require un traballo compartido. Por iso, agradecemos tamén a
colaboración do profesorado do Club de Ciencias, do Departamento de
Orientación, das titorías e dos distintos departamentos que participan no
desenvolvemento do plan.
Para dar a coñecer este traballo, estreámos o blog do Plan de Hábitos
Saudables do IES de Becerreá. Nel, e tamén na web do centro, iremos
compartindo actividades, experiencias e recursos. Queremos que sexa un espazo
próximo, no que se vexa o que facemos e no que as ideas do alumnado teñan
presenza.
Animámosvos a participar nas actividades e a achegar propostas. Convidamos
tamén as familias a acompañarnos, porque moitos destes hábitos se aprenden e se
consolidan tanto no instituto como na casa.
Seguimos traballando para que coidarnos forme parte do día a día do IES de
Becerreá. Pequenos hábitos, grandes cambios.
